Parabéns ao magnífico grupo de Tecnoloxía de 4ºESO deste curso 2022-2023, que acadou nas I Olimpíadas de Teleco o 1º Premio “mellor proposta técnica” na fase galega, e o premio ao proxecto “mellor aliñado cos obxectivos de desenvolvementos sostible” na fase final. Gran traballo!
A proposta de participación, segundo as bases da convocatoria, foi idear e desenvolver un prototipo baseado en calquera plataforma programable co IDE de Arduino que dese solución a algunhas das metas establecidas no ODS 11: cidades e comunidades sostibles , integrando algún sistema de telecomunicación.
A través dunha chuvia de ideas feita entre toda a clase, na que case saíu facer unha cidade sostible completa :-), eliximos limitar o proxecto ao tempo e recursos que tiñamos para desenvolvelo. A idea dos contedores accesibles pretendía facer máis doada a reciclaxe, unificando os obxectivos 11.7 relacionado coa accesibilidade para todas as persoas e o 11.6 relacionado coa redución do impacto ambiental.